O día que as mulleres gobernemos o mundo, todo será distinto. Este é o nome que decidimos poñerlle a este proxecto educativo, didáctico, teatral… dirixido especialmente a centros de ensinanza secundaria e adaptable a outros colectivos relacionados cos CIM. Estamos convencidas do poder que ten o teatro como ferramenta pedagóxica, así que despois de anos de colaboración coa compañía de teatro Chévere, creamos esta charla dramatizada onde unha consultora e unha actriz colaboramos para educar en Igualdade. En escena unha consultora disposta a dar unha charla. Ao carón a súa madriña interesada por escoitar á afillada. Madriña e afillada atrapan a un público interesado por coñecer as posturas enfrontadas entre unha e outra. O público, deixándose levar polo que escoita, vai reflexionando sobre conceptos como a igualdade de oportunidades, os roles sociais de homes e mulleres, os estereotipos de xénero ou o feminismo.